Blogia
Golpes de mar de Antón Castro

GOLPES DE MAR, SEGÚN XULIO LÓPEZ VALCÁRCEL

 

 

“O coruñés Antón Castro ofrécenos un mollo de relatos que teñen o mar e a Costa da Morte como protagonistas”

GOLPES DE MAR

“Baladouro é un espazo máxico entre Lañas, Arteixo, Barrañán e Caión”

Por Xulio Valcárcel

Recordo con nitidez aquela casa. Un corredor longo, con pezas a ambos lados, os andeis repletos de libros e ao fondo unha habitación igualmente ateigada de libros que había que retirar para poder sentar. Antón estaba entusiasmado, non podía disimulalo. Conectou o tocadiscos e sonou aquela letra de Ángel Petisme, dedicada a unha rapaza galega, cunha manchea de referencias que agora volven abrollar, varios anos despois, á superficie, incluído o título, neste novo libro de Antón Castro, Golpes de Mar. (Destino, 2006. 250 pax.) Mundo fisterrián (Baladouro) de trens vagarosos por enseadas verdes cara esa Costa da Morte (Laxe, Malpica, Corme…) amada e bronca, nun naufraxio marítimo e vital. Porque o mar, di alguen nun relato, é “vida, tumba y sueño”. De súpeto, todo o peso do pasado, toda construcción existencial, desde os xogos infantís a carón da casa de Pondal, se derrumba con estrépito, entre o silencio emocionado e a melancolía a caneiro cheo. Golpes de mar, percebeiros do Roncudo, nenos orfos, viuvas como Graciela Gestal que pasean polas praias atardecidas a súa soidade inútil; amantes convertidas en penélopes tecendo e destecendo a tea de soños nunha ardente espera, barcos fantasmas, sen tripulación, ao garete, ou gobernados por un úneco tripulante…

Mundo real e mundo fantástico, no que non sabemos onde empezan os soños e onde remata a realidade obxectiva, finalmente son faces da mesma moeda, os defuntiños seguen estando sen estar, e na linguaxe coloquial é frecuente a dúbida, “non sei se mo dixeron, ou o soñei…”

A realidade física e a onírica superpóñense, mestúranse, entrecrúzanse. Con sabio equilibrio narrativo, Antón Castro debulla un feixe de relatos máxicos, fermosos, inquietantes, precisos como reloxos e vibrantes como o arfar do mar que os ilumina diante dos nos ollos e dos nosos ouvidos asombrados. Son contos para ler e para escoitar. Literatura da boa, das mellores. Algunhas veces en primeira persona, dándolle carácter confidencial ao narrado, como sucede en “Dos tardes con Beatriz de Sousa”, e noutros contos nos que é fácil atopar persoaxes reais desenvolvendo conductas, ficcionais ou non, como Perfecto Conde, José Pousada, Manuel Rivas, Teresa Seara…, por citar só xente galega, pois as referencias a persoaxes universais son, xaora, numerosas. (Por certo, cómpre aclarar que Aurelio Aguirre morreu en San Amaro, non no Orzán).

Relatos sobre a adolescencia, o punzante desexo insatisfeito, o descobrimentro do amor, das súas delicias e dos seus tormentos. Amor, paixón erótica debecida e nunca saciada, como unha sede sempre a renovarse atopámola en “Airas Padin”, historia entre un vello namorado e unha damisela que arela outra relación e se enquista na súa teima melancólica e suicida. Humor, maxia, misterio nos demáis relatos nos que descobrimos a un premio Nobel galego, Pedro Portegaza, a rapaces que escriben cartas ao Alén, cidades mergulladas, illas de paxaros sorridentes… A Coruña e Galiza están fonda e radicalmente asentadas nestes relatos que nos mergullan nun mundo ensoñado e marabilloso, facendo voar a imaxinación e os sentimentos a lugares máis fermosos e propicios. Na mellor tradición literaria galega, irlandesa e nórdica en xeral. Sí, Antón Castro leva en Aragón moitos anos, exercendo unha vocación literaria e divulgadora máis que notable, convertido nun dos seus máis prestixiosos intelectuais. Pero nunca esquece o mar de Caión e Barrañán, nin esa rexión da alma que é Baladouro, como me foi dado comprobar aquela mañá en Zaragoza, cando ao final do corredor da súa casa escoitei os golpes do mar estourando poderosos contra os cons da Costa da Morte.

0 comentarios