Blogia
Golpes de mar de Antón Castro

Golpes de mar en Galicia hoxe

"GOLPES DE MAR" NA COSTA DA MORTE

 Antón Castro homenaxea na súa nova obra o Atlántico, as baleas e o mundo máxico de Baladouro

O escritor mestura realidade e fantasía en 16 relatos marcados polas historias que oía de neno na súa casa 

MARÉ . SANTIAGO

 

"Golpes de mar, /los dioses quitan, los dioses dan". É un verso do poema do cantautor Ángel Petisme que abre Golpes de mar, a obra máis persoal e abraiante do escritor e xornalista Antón Castro (Arteixo, 1959). O libro, que se presentou onte en Madrid, editado en castelán por Destino, comezou a xestarse hai vinte anos e rematou nun feixe de 16 relatos arredor do mar, das baleas e do mundo máxico de Baladouro.Golpes de mar naceu cando o escritor galego, que traballaba en 1986 de caixeiro nunha sala de xogo, escribiu a man, en galego e en papel de estraza algúns dos contos que hoxe publica. "É o libro que sintetiza a miña vida de escritor e a miña teima polo mar que vai da Costa da Morte a Arteixo. O fío condutor da obra é o mar, o misterio, o universo lendario das baleas e a forma de ser dos personaxes: apaixonados, extravagantes e marcados pola idea do amor, un dos sentimentos máis poderosos do libro", explica o escritor e xornalista galego, que vive dende 1978 en Zaragoza. O olor da salitre invade Golpes de mar xa que Antón Castro non se arreda nin un paso da súa costa natal. De aí que relatos como o titulado Ornia respiren directamente do fantástico que, ás veces, recoñece o autor, acaba "dándoche a razón". A hipótese sobre a existencia dunha cidade asolagada en Arteixo serviulle ao escritor para crear o que considera "un dos relatos máis irlandeses do libro"."A miña fonte de inspiración é sempre a realidade", asegura. De aí que o autobiográfico se confunda co imaxinario no conto "Una lección de fotografía" no que crea un fotógrafo imaxinario, Seara de Castro, trasfondo literario dun fotógrafo real, Ramón Caamaño, ao que atopou un día en Muxía "vendendo fotos súas diante da Virxe da Barca."Os personaxes da obra "senten paixón por contar, gústalles escoitar e relatar historias e mesmo chegan a modificar as súas vidas por un conto", indica o galego. Nado en Santa Mariña de Lañas en 1959, Antón Castro, fillo de emigrantes, non se esqueceu "do feitizo das historias que escoitaba na miña casa sobre aparecidos, misterios, bestiarios, todo un mundo de mitos que arranca en Caión e finaliza na Costa da Morte". Un mar, que para o autor significa "camiño da aventura e territorio da fraxilidade".Un dos relatos máis curiosos do libro é El hermano que le inventé a mi hemano no que Castro amosa a súa admiración polo escritor Manuel Rivas a partir do parecido que lle facía coas mans do seu irmán. "É unha homenaxe a dúas persoas: un escritor ao que tamén lle fascina o mar e a arte de contar e un albanel, meu irmán", explica. Neste relato tamén fala de Compostela, "unha das cidades que máis me gusta, que sempre me fascinou". Ademais, Antón Castro, que na actualidade coordina o suplemento "Artes & Letras" del Heraldo de Aragón e dirixe o programa de televisión Borradores, colaborou nos anos 80 con EL CORREO GALLEGO.

O relato que pecha o libro é Cartas de domingo al más allá, unha misiva a un pai morto, un percebeiro ao que levou o mar. "Quixen escribir sobre como se vive a ausencia dun mariñeiro e a dignidade da muller que non deixa de lembrar o seu home morto", indica o autor. "Á fin, este é un libro sobre mulleres, sobre a súa dignidade e a súa intuición", di. Mulleres que esperan e se volven de pedra, mulleres que perden a cabeza por amor. Así son as mulleres no universo mítico de Antón Castro.

 

PREPARA NOVA NOVELA

 

"Encántame o galego pero sinto que se fala cada vez menos"

 

Aínda que toda a entrevista, Antón Castro emprega o galego, o escritor asegura que, "pola miña maneira de vivir, éme moi difícil escribir en galego". Así xustifica que os dezaseis relatos de Golpes de mar estean escritos e publicados en castelán, malia que comezou hai vinte anos facéndoos en galego. "Encántame o galego pero agóbiame que, cada vez que vou a Galicia, note que se fala cada vez menos". Porén, malia non escribir en galego, Castro é rotundo. "Síntome galego dunha forma moi profunda e íntima, pero tamén aragonés xa que levo vivindo aquí máis de vinte anos", explica. Agora, está a preparar unha novela na que "vou descansar de Galicia" xa que vai facer un libro sobre un naturista que foi mariñeiro e enxeñeiro. Entre as máis de 25 obras que publicou, destacan o seu último libro, El sembrador de prodigios de 2005 no que lle fai unha homenaxe a Rafael Dieste e Otero Pedrayo.

 

DATOS

 

Dedicatorias a autores galegos

 

Ademais, cada un dos relatos de Golpes de mar está dedicado tanto a amigos e familiares como a escritores galegos cos que mantén relación como Xulio López Valcárcel ou Miguel Anxo Fernán-Vello, co que Antón Castro publicou en 1997 o libro Vida e morte das baleas en Espiral M.

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

0 comentarios

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres